16 sept. 2012

As Mareas

Moitas veces a xente de fora de Galicia, cando está no Pazo de Mariñán, pregunta polas mareas. Resulta ás veces dificil imaxinar o paso dos barcos polo Mandeo, tanto pola colmatación da ría como polo efecto das mareas.

O termo marea refírese ao movemento do nivel das augas dos mares e océanos, que soben e baixan dúas veces por día, provocado pola interferencia da Lúa e do Sol sobre o campo gravitatorio da Terra. Cando a marea está no seu cumio chámase marea alta, marea chea, abalo ou preamar; cando está no seu menor nivel chámase marea baixa, devalo ou baixamar. De media, as mareas oscilan nun período de 12 horas e 24 minutos, doce horas debido á rotación da Terra e 24 minutos debido ao movemento orbital lunar.

A altura da preamar e da baixamar (relativa ao nivel medio do mar) tamén varía. Nas lúas nova e chea, as forzas gravitacionais do Sol están na mesma dirección das da Lúa, producindo mareas máis altas, chamadas mareas de sicixia (de
conxunción ou vivas). Nas lúas minguante e crecente as forzas gravitacionais do Sol están en direccións diferentes das da Lúa, co que anulan parte delas e prodúcense mareas máis baixas chamadas mareas de cuadratura.

A amplitude teórica das mareas dos océanos debido á Lúa é duns 54 cm no punto máis alto, que corresponde á amplitude que acadaría se o océano posuíse unha profundidade uniforme, non houbese masas de terra (continentes, illas) e a Terra non estivese a rotar. O Sol tamén causa mareas, para as que a súa amplitude teórica é duns 25 cm (46% da da Lúa) nun ciclo de 12 horas. Cando os dous efectos se suman de modo positivo, a altura teórica sería duns 79 cm e, inversamente, cando o fan subtraíndose, o nivel teórico é duns 29 cm. Debido a que as órbitas da Terra sobre o Sol e da Lúa sobre a Terra son elípticas, as amplitudes das mareas varían dependendo das distancias Terra-Sol e Terra-Lúa.

As amplitudes reais difiren notablemente, non soamente debido as variacións da profundidade dos océanos e dos obstáculos que representan os continentes e as illas, senón tamén debido ao período natural de propagación da onda (dunhas 30 horas) que é da mesmo orde de magnitude que o período de rotación terrestre. Se non houbese continentes e illas, levaríalle unhas 30 horas a unha onda oceánica propagarse ao longo do ecuador.

A amplitude das mareas en alta mar é de menos de 1 metro. Porén, preto das costas a amplitude é xeralmente maior, e chega a sobrepasar os 10 metros nalgúns casos. O período de oscilación propio depende da forma da costa e da profundidade e lonxitude da plataforma continental. O período de oscilación propio da baía de Fundy en Canadá é de 13 horas. Como é moi próximo ao período de excitación, as mareas son moi grandes. Pola contra, cando o período propio se alonxa das 12,4 horas, as amplitudes das mareas son menores.

Aconsellamos aos visitantes, se poden escoller, que acudan na preamar.

Terminoloxía
Preamar: Nivel máximo dunha marea alta.
Baixamar: Nivel mínimo dunha marea baixa.
Repunte da marea: Ocorre entre mareas, cando remata de encher e comeza a baixar ou ao revés; neste curto período non ocorre ningunha alteración de nivel.
Amplitude de mareas: Variación do nivel das augas, entre unha preamar e unha baixamar inmediatamente anterior ou posterior.
Cuadratura: O sol e a lúa forman ángulo de 90º graos en relación á Terra.
Mareas mortas ou marea de cuadratura: Marea de pequena amplitude, marea que segue ao día de cuarto crecente ou minguante.
Mareas vivas ou marea de sicixia (de conxunción): Nas lúas nova e chea, as mareas lunares e solares reforzan unha a outra, producindo as maiores mareas altas e as menores mareas baixas.

9 sept. 2012

San Pedro Claver

Na Capela do Pazo de Mariñán, unha das tallas do retablo, aínda non está moi claro a quen representa. Unha boa parte opina que é San Pedro Claver. Un santo non moi coñecido a nivel popular, o que é pouco cotián nos pazos. Parte da iconoloxía parece non coincidir, pero en calquera caso, hoxe 9 de setembro e o día de San Pedro Claver.

Pedro Claver naceu en Verdú o 26 de xuño de 1580 e faleceu en Cartagena de Indias o 9 de setembro de 1654. Fillo de labregos ingresou na Compañía de Xesús e decidiu evanxelizar os territorios conquistados en América. Estudou teoloxía en Bogotá e foi enviado a Cartagena de Indias onde sería ordeado sacerdote.

En América impactoulle enormemente o trato que sufrían os escravos e dedicouse a coidalos, alimentalos e curalos, ata o punto de asinar sempre coa mesma frase: Ego Petrus Claver, aethiopum semper servus (eu Pedro, escravo dos negros para sempre). Por iso é considerado o Patrono dos Escravos.

Tivo sona de santo en vida entre a poboación que lle atribuíu varios milagres. Figura discutida pola súa entrega humanitaria, non foi beatificado ata o 16 de xullo de 1850 por Pío IX e canonizado o 15 de xaneiro de 1888 por León XIII, un papa de gran sensibilidade social.

É tamén o patrono de Colombia.