10 jul 2012

Isabel, Raíña de Portugal

Estamos ante un óleo sobre táboa (86 x 60 cm.) que representa a Isabel, Raiña de Portugal. Unha obra da que non se ten case datos na Deputación. A representada non debe confundirse con outra Isabel de Portugal, a muller de Carlos I. O cadro está situado no zaguán do Pazo de Mariñán.

Esta da que falamos recibe ás veces o nome de Isabel de Aragón, pola súa procedencia. Filla do rei Pedro III de Aragón e de Constanza II de Sicilia, puxéronlle o nome de Isabel en honra á súa tía-avoa, Isabel de Hungría. Era por tanto neta de Xaime I o Conquistador e do emperador Federico de Suabia. Naceu no 1271 en Zaragoza e faleceu o 4 de xullo de 1336 en Estremoz, Portugal.  Tra-la súa morte dise que se produciron milagres. Foi beatificada en 1526 e canonizada polo Papa Urbano VIII en 1625, celebrándose a súa festividade o 4 de xullo.

Os seus atributos son a coroa e as rosas, que podemos ver no cadro, na que aparece en tres cuartos con hábito relixioso e báculo. Foi raíña de Portugal entre 1282 e 1325, logo de casar o 24 de xuño de 1282 co rei Dionis I de Portugal. Do seu matrimonio naceron dous fillos: o infante Alfonso (futuro Alfonso IV de Portugal) e a infanta Constanza, esposa de Fernando IV de Castela e nai e rexente de Alfonso XI.

Durante o seu reinado ordenou a construción dun bo número de conventos, seguindo no seu actuar o exemplo da súa devanceira Santa Isabel de Hungría. A lenda popular portuguesa adoptou o episodio da transformación do pan en rosas da princesa húngara, colocando como protagonsitas a Dionis e á súa esposa.

O reinado foi conflictivo; a loita polo trono estivo presente coas conspiracións do seu cuñado Alfonso, desexoso de facerse co posto do seu irmán, e mais tarde polos temores do herdeiro lexitimo pola posible actuación dos fillos ilexitimos do rei.

A raíña acollera aos fillos bastardos de Dionís na corte, pero logo empezaron os problemas tras o nacemento dos fillos de Dionís e Isabel. O príncipe Alfonso (1291-1357), que sería posteriormente rei comezou a alarmarse polo ascendente que na corte comezara a contraer un dos fillos ilexítimos do rei, o infante Alfonso Sánchez. Ante a sospeita de que Dionís solicitara á Santa Sé a concesión de lexitimidade para o seu irmán, en detrimento de o seu propio acceso ao trono, Alfonso o Bravo decidiu rebelarse. En diversas ocasións tivo a raíña que trasladarse até o campo de batalla para acabar coas disputas entre o seu marido e o seu fillo. Colocábase entre os dous e rezaba para que a pelexa finalizase.

En 1325 Isabel enviuvou e pouco despois realizou unha viaxe de peregrinaxe a Santiago de Compostela, ingresando á súa volta no convento de Santa Clara-a-Velha en Coimbra, que ela mesma fundara, onde tomou o hábito das clarisas, pero sen facer os votos da orde, o que lle permitía manter a administración da súa fortuna, que dedicou ás obras de caridade.

En 1336 a raíña tivo noticias de novos conflitos familiares, esta vez entre o seu fillo, Alfonso IV, e o rei de Castela, Alfonso XI, que era o seu neto. As tropas portuguesas foran de novo armadas para intervir no país veciño, e achábanse concentradas en Estremoz, lugar ao que se dirixiu a raíña para, outra vez, intervir nun conflito familiar. Foi recibida polo seu fillo no castelo da citada vila, pero, sentíndose enferma, retirouse a descansar. Unhas poucas horas máis tarde, o 4 de xullo de 1336, falecería, non sen antes facer prometer ao fillo que de ningunha maneira enfrontaríase de maneira fratricida co neto.

Os seus restos foron sepultados no seu convento de Santa Clara-a-Velha; pero ao resultar este alagado polas augas do río Mondego houberon de ser trasladados no século XVII ao novo convento de Santa Clara-a-Nova, onde repousa na actualidade.

En 2009 publicouse A rosa de Coimbra (en Portugal Memórias dá Rainha Santa) da escritora española María Pilar Queralt do Hierro, biografía novelada deste personaxe.

5 jul 2012

A Raíña Lupa

A orixe do culto a Santigo en Compostela está ligado á lenda da Raíña Lupa. Segundo a tradición, o apóstolo Santiago veu a Galicia a ensinar a palabra de Deus. No ano 42 Santiago regresou a Palestina e foi decapitado por Herodes Agripa. Os seus discípulos Atanasio e Teodoro trasladaron o seu corpo até Hispania, a Iria Flavia (preto da actual Padrón). Os discípulos acudiron a esta raíña, que en ocasións moraba nun castelo sito no cume dun monte na parroquia de San Xoán de Calo, concello de Boqueixón (A Coruña). Era un castelo-fortaleza rodeado dunha gran muralla e dun infranqueable foso. Contan que nel cabía un escuadrón de catro mil homes. Como correspondería a quen era considerada filla ou sobriña de Xullo Cesar.

Os discípulos achegáronse para pedirlle un lugar no que enterrar ao Apóstolo, ela enganounos e enviounos xunto ao legado romano que vivía en Dugium, no mítico val de Duio, entre as praias de Rostro e Langosteira e moi preto do Cabo de Fisterra. Este home meteunos en prisión, de onde saíron por intervención divina. Volveron os discípulos a solicitar a axuda da Raíña Lupa, e esta, enganándoos por segunda vez, envioulles ao monte Ilicino onde atoparían uns bois cos que levar o carro onde repousaba o corpo do defunto. O que atoparon foi uns touros bravos e unhas mortíferas serpes, que os atacaron, pero aos que dominaron realizando o sinal da cruz. Á vista dos milagres presenciados a Raíña Lupa converteuse ao cristianismo e concedeulles un lugar situado nos confíns da Amaea, hoxe A Amaía, nas proximidades de Santiago. Deste xeito naceu Santiago de Compostela, o lugar do definitivo descanso do Apóstolo. O monte Ilicino tomou o definitivo nome de Pico Sacro.

Case oito séculos máis tarde, cara ao ano 813 segundo a lenda, uns pastores observaron unha estrela que posuía unha luminosidade estraña. A luz iluminaba o monte chamado Libredón, futuro asentamento de Santiago de Compostela, (Campus Stellae) que foi limpado de maleza por orde do bispo. Baixo a maleza achouse a arca de mármore cuns restos, que o bispo Teodomiro, por revelación divina, asegurou que pertencían ao Apóstolo Santiago. O rei Alfonso II o Casto visitou o lugar e ordenou construír a primeira igrexa dedicada a Santiago. A noticia, que chega a oídos de Carlomagno de boca do propio rei, propágase rapidamente por Europa. A partir de entón Santiago convértese en símbolo da Reconquista.

26 jun 2012

Golden Arrow

Maqueta do Golden Arrow
Na entrada da Residencia do Pazo de Mariñán podemos ver unha vitrina coa maqueta do coche Golden Arrow, elaborada por T. Castro en 2006 e sendo o primeiro desta serie.

O orixinal Irving-Napier Golden Arrow era deseño de J. S. Irving e contaba cun motor Napier, un W12 tomado da mecánica aeronáutica que ofrecía 930 CV de potencia. Non só é famoso pola súa afiada estrutura e a súa cor dourada que ainda hoxe nos parece futurista a pesar de ser construido a principios do século XX, senón que o seu verdadeiro valor foi o de pasar á historia logrando un importante record de velocidade.

Golden Arrow orixinal
Hengry Segrave foi o encargado de realizar as probas. Anteriormente correra co Sunbeam 1000, un prototipo anterior de 1000 CV.

A potencia non o é todo e o Golden Arrow resultou un traballo máis fluído. Despois de diversos intentos, o día 1 de marzo de 1929 batía da marca de velocidade sobre terra en Daytona Beah: 372.1 km/h.

24 jun 2012

Escudo das Mariñas

Segundo o cronista Vasco de Aponte, Gómez Pérez das Mariñas obtivo por gañar nunha xusta o seu escudo de armas, formado por unha estrella de azur sobre un campo de prata.

Prata: pureza, fe e obediencia, simbolizando a Lúa que abarca estas calidades. As familias ás que se lles concedía o privilexio de levar este metal nos seus escudos distinguíanse pola súa integridade e a súa obediencia. Os portadores deste esmalte no seu escudo eran recoñecidos como aqueles que servían ao Rei na náutica e tiñan a obriga de amparar aos orfos e defender ás doncelas.

Estrela: condición de heroe ou conselleiro. Representa a grandeza.

17 mar 2012

Club Lectura Brigantium: Pé das Burgas IV

Club Lectura Brigantium: Pé das Burgas IV: Os caneiros A onda cruza aborándose a serena barra, corre pé de Láncara, métese nas xunqueiras inundándolle-los cañigotes, chega á Ponte n...

14 mar 2012

Club Lectura Brigantium: Pé das Burgas III

Club Lectura Brigantium: Pé das Burgas III: PAISAXE Baixou a marea; a ría sosegada, ó ver descubertas as orelas, corre tan maina, tan maina, cal se adormecese ó rumor dos bicos con q...

1 ago 2011

Día 1 de agosto empeza a campaña

Hoxe escomezamos a recollida de datos para crear a Asociación de Amigos de Mariñán, entidade que buscará potenciar o coñecemento deste Pazo e o seu disfrute polo público en xeral, lembrando á persoa que fixo posible que esta propiedade sexa hoxe un ben público; o seu derradeiro propietario privado; Gerardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza, coñecido como Gerardo Láncara.
Participar nesta acción terá un custo de 5 euros e aos inscritos se lles regalará o libro "O interior de Mariñán", elaborado pola Asociación Palaestra, dentro dos Libros de Peto de Asencudega.