10 jul 2012

Isabel, Raíña de Portugal

Estamos ante un óleo sobre táboa (86 x 60 cm.) que representa a Isabel, Raiña de Portugal. Unha obra da que non se ten case datos na Deputación. A representada non debe confundirse con outra Isabel de Portugal, a muller de Carlos I. O cadro está situado no zaguán do Pazo de Mariñán.

Esta da que falamos recibe ás veces o nome de Isabel de Aragón, pola súa procedencia. Filla do rei Pedro III de Aragón e de Constanza II de Sicilia, puxéronlle o nome de Isabel en honra á súa tía-avoa, Isabel de Hungría. Era por tanto neta de Xaime I o Conquistador e do emperador Federico de Suabia. Naceu no 1271 en Zaragoza e faleceu o 4 de xullo de 1336 en Estremoz, Portugal.  Tra-la súa morte dise que se produciron milagres. Foi beatificada en 1526 e canonizada polo Papa Urbano VIII en 1625, celebrándose a súa festividade o 4 de xullo.

Os seus atributos son a coroa e as rosas, que podemos ver no cadro, na que aparece en tres cuartos con hábito relixioso e báculo. Foi raíña de Portugal entre 1282 e 1325, logo de casar o 24 de xuño de 1282 co rei Dionis I de Portugal. Do seu matrimonio naceron dous fillos: o infante Alfonso (futuro Alfonso IV de Portugal) e a infanta Constanza, esposa de Fernando IV de Castela e nai e rexente de Alfonso XI.

Durante o seu reinado ordenou a construción dun bo número de conventos, seguindo no seu actuar o exemplo da súa devanceira Santa Isabel de Hungría. A lenda popular portuguesa adoptou o episodio da transformación do pan en rosas da princesa húngara, colocando como protagonsitas a Dionis e á súa esposa.

O reinado foi conflictivo; a loita polo trono estivo presente coas conspiracións do seu cuñado Alfonso, desexoso de facerse co posto do seu irmán, e mais tarde polos temores do herdeiro lexitimo pola posible actuación dos fillos ilexitimos do rei.

A raíña acollera aos fillos bastardos de Dionís na corte, pero logo empezaron os problemas tras o nacemento dos fillos de Dionís e Isabel. O príncipe Alfonso (1291-1357), que sería posteriormente rei comezou a alarmarse polo ascendente que na corte comezara a contraer un dos fillos ilexítimos do rei, o infante Alfonso Sánchez. Ante a sospeita de que Dionís solicitara á Santa Sé a concesión de lexitimidade para o seu irmán, en detrimento de o seu propio acceso ao trono, Alfonso o Bravo decidiu rebelarse. En diversas ocasións tivo a raíña que trasladarse até o campo de batalla para acabar coas disputas entre o seu marido e o seu fillo. Colocábase entre os dous e rezaba para que a pelexa finalizase.

En 1325 Isabel enviuvou e pouco despois realizou unha viaxe de peregrinaxe a Santiago de Compostela, ingresando á súa volta no convento de Santa Clara-a-Velha en Coimbra, que ela mesma fundara, onde tomou o hábito das clarisas, pero sen facer os votos da orde, o que lle permitía manter a administración da súa fortuna, que dedicou ás obras de caridade.

En 1336 a raíña tivo noticias de novos conflitos familiares, esta vez entre o seu fillo, Alfonso IV, e o rei de Castela, Alfonso XI, que era o seu neto. As tropas portuguesas foran de novo armadas para intervir no país veciño, e achábanse concentradas en Estremoz, lugar ao que se dirixiu a raíña para, outra vez, intervir nun conflito familiar. Foi recibida polo seu fillo no castelo da citada vila, pero, sentíndose enferma, retirouse a descansar. Unhas poucas horas máis tarde, o 4 de xullo de 1336, falecería, non sen antes facer prometer ao fillo que de ningunha maneira enfrontaríase de maneira fratricida co neto.

Os seus restos foron sepultados no seu convento de Santa Clara-a-Velha; pero ao resultar este alagado polas augas do río Mondego houberon de ser trasladados no século XVII ao novo convento de Santa Clara-a-Nova, onde repousa na actualidade.

En 2009 publicouse A rosa de Coimbra (en Portugal Memórias dá Rainha Santa) da escritora española María Pilar Queralt do Hierro, biografía novelada deste personaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario