5 jul 2012

A Raíña Lupa

A orixe do culto a Santigo en Compostela está ligado á lenda da Raíña Lupa. Segundo a tradición, o apóstolo Santiago veu a Galicia a ensinar a palabra de Deus. No ano 42 Santiago regresou a Palestina e foi decapitado por Herodes Agripa. Os seus discípulos Atanasio e Teodoro trasladaron o seu corpo até Hispania, a Iria Flavia (preto da actual Padrón). Os discípulos acudiron a esta raíña, que en ocasións moraba nun castelo sito no cume dun monte na parroquia de San Xoán de Calo, concello de Boqueixón (A Coruña). Era un castelo-fortaleza rodeado dunha gran muralla e dun infranqueable foso. Contan que nel cabía un escuadrón de catro mil homes. Como correspondería a quen era considerada filla ou sobriña de Xullo Cesar.

Os discípulos achegáronse para pedirlle un lugar no que enterrar ao Apóstolo, ela enganounos e enviounos xunto ao legado romano que vivía en Dugium, no mítico val de Duio, entre as praias de Rostro e Langosteira e moi preto do Cabo de Fisterra. Este home meteunos en prisión, de onde saíron por intervención divina. Volveron os discípulos a solicitar a axuda da Raíña Lupa, e esta, enganándoos por segunda vez, envioulles ao monte Ilicino onde atoparían uns bois cos que levar o carro onde repousaba o corpo do defunto. O que atoparon foi uns touros bravos e unhas mortíferas serpes, que os atacaron, pero aos que dominaron realizando o sinal da cruz. Á vista dos milagres presenciados a Raíña Lupa converteuse ao cristianismo e concedeulles un lugar situado nos confíns da Amaea, hoxe A Amaía, nas proximidades de Santiago. Deste xeito naceu Santiago de Compostela, o lugar do definitivo descanso do Apóstolo. O monte Ilicino tomou o definitivo nome de Pico Sacro.

Case oito séculos máis tarde, cara ao ano 813 segundo a lenda, uns pastores observaron unha estrela que posuía unha luminosidade estraña. A luz iluminaba o monte chamado Libredón, futuro asentamento de Santiago de Compostela, (Campus Stellae) que foi limpado de maleza por orde do bispo. Baixo a maleza achouse a arca de mármore cuns restos, que o bispo Teodomiro, por revelación divina, asegurou que pertencían ao Apóstolo Santiago. O rei Alfonso II o Casto visitou o lugar e ordenou construír a primeira igrexa dedicada a Santiago. A noticia, que chega a oídos de Carlomagno de boca do propio rei, propágase rapidamente por Europa. A partir de entón Santiago convértese en símbolo da Reconquista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario